imgText

imgText

imgText

imgText

imgText

Cabral (A nosa parroquia)

HISTORIA

Cabral aséntase nunha superficie de 8,72 kilómetros cadrados algo montañosos no noroeste do termo municipal de Vigo. Linda coas parroquias de Candeán ó norte, Lavadores ó oeste, Bembrive ó sul e co Concello de Mos ó leste.
Cabral caracterízase por ter sido o Concello con existencia máis efímera dos que xurdiron nas proximidades de Vigo, e seguramente o máis descoñecido.
A primeira referencia á parroquia data do 1156, nunhas partidas establecidas entre o Cabildo da catedral e o Obispado de Tui. Do mesmo documento dedúcese que había tres parroquias: San Miguel, San Pedro e Santa Mariña, que ó fin se fundiron nunha soa baixo a denominación desta última.

O topónimo deriva do latín capra, xunto co abudancial ale, o que significa “lugar onde abundaban as cabras”.

Hai referencias a esta parroquia no Diccionario Xeográfico de Pascual Madoz, onde se sinala que "o terreo de Cabral participa de monte chan e nel se crían fermosas arboledas que dan á campiña un aspecto fermoso e alegre". Gerardo Álvarez  Limases, pola súa parte, sinala que nesta parroquia se produce principalmente “millo e gando vacún, que surte a Vigo de leite".

Na descripción se sinala que "os seus montes principais son Cotogrande, Gorxal e Chan do Sino”, de pouca importancia, e o cruzo do Lodoso. O monte de O Gorxal constitúe, xunto co de O Meixoeiro, unha masa forestal no límite da parroquia de Lavadores. Presentan unha alta ocupación industrial e de servicios e as masas arbóreas son esencialmente eucaliptais.

No grupo do monte de Cotogrande e outros inclúese a maior parte dos montes de Cabral, cunhas 170 hectáreas de monte en man común. Unha característica ambiental é que as masas forestais destes montes teñen a súa continuidade nas parroquias de Vilar de Infesta en Redondela e Louredo, Dornelas e Tameiga en Mos.
Nas ladeiras de Cotogrande hai dúas necrópolis megalíticas de importancia, unha composta por dúas mámoas e a outra por tres. Os materiais localizados nas excavacións, cerámica, puntas de frecha ou trozos de muíños están depositados no Museo de Castrelos.



O Lagares constitúe un fito fundamental nesta parroquia, pois nace na zona máis alta, nas inmediacións do aeroporto de Peinador, na chamada Lagoa Mol e atravesa todo Cabral no seu percorrido ata o mar. Aínda que durante moito tempo o seu cauce foi moi mal tratado, convertíndose en zona de ubicación de numerosas industrias, o Plano Especial de Recuperación do Lagares supuxo a rexeneración do seu cauce, a limpeza dos leitos e o acondicionamento de paseos nas márxes. A Comunidade de Montes de Cabral abordou tamén por iniciativa propia campañas para a rexeneración do río, para o que contou co apoio da concellalía de Patrimonio Histórico.


Esta parroquia é unha das que constituían o antigo Concello de Lavadores, xa que aínda que tiña a capital en Pardavila a casa consistorial estaba en Santa Cristina. Nos anos trinta, a parroquia contaba con 2.601 habitantes distribuídos en catro núcleos de poboación: Becerreira, Carballal, Figueiras e Sello.

A igrexa foi construída en 1447 e as súas festas principais son as adicadas á Virxe das Dores, As Candelas, San Blas e Santa Mariña. O atrio da igrexa converteuse nun dos centros de reunión e de celebración da parroquia, de aí que nel se localice o palco da música.

Está catalogada como rural, xa que presenta unha grande masa de terreo agrícola e nembargantes non ten esta actividade coma principal medio de subsistencia, senón que é unha actividade marxinal que implica ingresos complementarios.

Como industrias só existían as adicadas á transformación de madeira e o principal medio de comunicación, además de caminos estreitos, de pedra ou terra, eran os tranvías de Vigo e Porriño.

No informe realizado polo Concello sobre o medio rural en Vigo, sinálase que Cabral presenta a súa mellor aptitude na zona do val ó longo do Lagares, e en contacto con Lavadores, onde aparecen as zonas máis densamente poboadas. Isto nunha parroquia con clara tendencia á dispersión pero que ten dous eixos de actividade comercial, as avenidas de Ramón Nieto e A Ponte, onde se abastece toda a parroquia. É un comercio pouco especializado, sendo necesario un maior desenvolvemento do mesmo.

Moi cerca do nacemento do Lagares e ocupando terreos de Vigo na súa maior parte pero tamén de Mos e Redondela, está o aeroporto de Peinador, que foi inaugurado o 25 de Abril de 1954.



PATRIMONIO ETNOGRÁFICO

Vivenda:
Na rúa Becerreira hai unha casa bloque apoiada sobre un terreo en pendente co fin de evitar o tradicional piso-patín de acceso exterior. Supón unha interesante utilización das lousas de pedra como material de construcción nunha zona na que a pedra non é moi frecuente. O material condiciona a escaseza de vans.

Lagar:
No camiño de Alza localízase un interesante exemplar de lagar tradicional de pilón. Pese a estar en desuso, conserva tódalas súas partes esenciais como son trabe, fuso, penso, contrapenso, pilón de pedra, etc.

Cruceiro do Cemiterio:
Formado por un podium de tres gradas, columna estriada e rematada nun capitel decorado con follas de acanto e volutas. Na cruz só se representa a figura dun Cristo de tres cravos acompañado dun anxo que lle recolle o sange da ferida do costado. Destaca o tratamento do bulto redondo conseguido separando a figura da cruz mediante un espacio aberto entre os brazos e as pernas.

Hórreos:
O Concello ten inventariados tres hórreos de interese especial fronte ós  demáis catalogados (casi un cento). Trátase do que está situado na Avenida de Santa Mariña, 100. Un exemplar de cámara mixta montado sobre seis pés rematados cada un pola súa moa. Aínda conserva a madeira do piso e os peches dos costados. En Ámela localízase un hórreo de pedra montado sobre seis pés. Só ten madeira no piso, na porta e na estructura que supera a cuberta. Aínda en uso, supera os cen anos. O terceiro é un exemplar de cámara de madeira montado sobre seis pés dereitos e aínda mantén o seu uso tradicional.

Fontes e lavadeiro:
Dúas fontes e un lavadeiro con fonte de Cabral figuran catalogados como elementos etnográficos de interese. No Camiño das Ánimas, unha fonte de mina de auga excavada baixo terra e reforzada cunha galería estructurada con pedra ata a entrada. Unha tella curva fai de improvisada boca. Na Rúa Gondarisco, unha fonte tipo de "cabaliño" que presenta como boca unha pedra adosada a un pequeno fronte, tamén de pedra. Por último, en Ámela hai un pilón de pedra de dúas follas montado sobre unha fonte preexistente que o abastece. A rehabilitación dos anos setenta dotouna dun peche de formigón, alicatado nalgún tramo e cunha cuberta plana sobre pilotes.

Muíño do Buraco:
Exemplar de muíño de canal disposto sobre o leito do río. Destaca a utilización de muros de lousa de pedra, típico nas construccións dunha parroquia que non contaba con canteiras no seu entorno.

Petos de Ánimas:
Na rúa das Ánimas, en Caeiro, atópase un peto coa representación tradicional dunha escea de purgatorio, na que algunas almas tratan de buscar a mediación da Virxe do Carme. Trátase dunha iconografía moi recorrida polos artistas populares, onde importa máis a mensaxe que o modo de expresala.

En Carballal hai un interesante conxunto formado por unha estructura pétrea incrustada nun muro no que se destaca a estructura triangular con diversos grabados en relieve e unha hornacina que acolle a representación nunha placa de xeso un relieve no que aparecen diversos rostros entre as chamas do purgatorio e encima a imaxe do Ecce Homo.

Iconografía moi apegada ó naturalismo efectista do barroco.


DOTACIÓNS E EQUIPAMENTOS

Movemento asociativo:


Cabral é unha das parroquias máis activas en canto a movimento asociativo. Aínda así, as súas actividades se concentran nos deportes e no ocio e máis nas asociacións veciñáis. Estas últimas ocupan un lugar destacado no conxunto municipal pola súa propia dinámica.

A confluencia de catro asociacións veciñáis nun mesmo territorio evidencia as discrepancias vividas no seu seo, xa sexa pola organización interna das mesmas ou polo modo de articular as reivindicacións dos seus habitantes. Á parte da existencia de bens naturais e infraestructuras recreativas, destacan as agrupacións culturais e os grupos de baile. 

No panorama asociativo de Cabral merece especial atención a Xunta de Montes, unha das primeiras que se constituíron en Vigo e que desenvolve unha actividade moi dinámica que involucra ó resto dos colectivos da zona.

Educativas:
Cabral conta co Centro de Educación Infantil "Caeiro", na Rúa Gordiña.
CEIP "Santa Mariña", en Becerreira
CEIP "Carballal", en Freiría
CEIP "Sello", en Sello
Como centros de Ensinanza Infantil, Primaria e Secundaria, privados-concertados, atopamos: Marcote, na Avenida da Ponte, San Blas-Vista Alegre, tamén na Avenida da Ponte, Martin Codax na Avenida do Aeroporto.
Como centros de Ensinanza Secundaria, IES, está o Meixoeiro na Avenida de Madrid e Saladino Cortizo como Centro de Educación Especial.

Deportivas:
Pavillón Polideportivo Loureiro, Campo de fútbol de Carballal e Campos de fútbol de Cotogrande.

Zonas Verdes:
Parque Forestal de Bandeira (1,2 hectáreas), Zona arbolada de Gorxal (12 hectáreas), Montes de Cotogrande (187 hectáreas), Alameda da Feira (0,50 hectáreas), Parques infantís de Loureiro, Caeiro-Gorguiña e Freiría, Xardíns de Parada-Maceiriña.

Sanitarias:
Con ámbito que abarca Lavadores e Cabral, atópase na 1ª Travesía de Barreiro, en Lavadores, o Centro de Saúde.
A poboación de Cabral é atendida na Unidade Básica de Acción Social (UBAS) da zona de Lavadores, ubicada na Rúa Martínez Garrido.

ENTIDADES DE POBOACIÓN

Segundo o nomenclator oficial da Xunta de Galicia, a parroquia de Cabral conta cos seguintes núcleos de poboación:

Alza, Amaro, Ámela, Becerreira, Borralliños, Caeiro, Calvario, Carballal, O Casal, Cernades, A Chan, Cotogrande, Feira, Figueiras, Fontiñas, Gondarisco, Gorxal, Grileira, Igrexa, Lameira, Lomba, Loureiro, Maceiriña, Mancoña, Meixoeiro, Molares, Nogueira, Parada, As patas, Pebidal, Peinador, A Penís, A Ponte, As Rans, Remesil, Requeixo, Retorta Rinxela, Riomao, San Pedro, Sanín, O Sello, O Tanque, As Valadas e Vesada.
Cabral (A nosa parroquia) Cabral (A nosa parroquia) Reviewed by udstamarina on 10.3.19 Rating: 5