imgText

imgText

imgText

imgText

imgText

Historia


ERA CONTEMPORANEA

Unha nova era comeza na U.D. Santa Mariña coa chegada de José Carlos Blanco "Chato". Este presidente que chegou nos anos sesenta para xogar nos infantís, e despois de pasar por todas as categorÍas, unha vez rematada a etapa de xogador, volta anos despois como adestrador, desempeñando tamén funcións en diversas áreas deportivas, asume a presidencia do club no 1996.

U.D. Santa Mariña, coma nos mellores tempos, neste ciclo que vai do 1996 ata o tempo que nos atopamos, co empuxe de Chato e a súa xunta directiva está a vivir unha etapa brillantísima que, a simple vista, apréciase en canto un entra polo portal das instalacións deportivas: inauguración bancada cuberta, reforma e ampliación de vestiarios, novo local social e dotación dos campos de terra polos de herba sintética de nova xeración. O primeiro inaugurado en febreiro do 2007 e o segundo en outubro de 2010. O enchen de esplendor e orgullo á parroquia.  

No eido futbolístico neste período as vitrinas do club recolleron infinidade de trofeos das categorías inferiores, pero hai que subliñar os tres triunfos de sete finais de Copa Vigo: 1998: U.D. Santa Mariña 0 Sárdoma 2; 2000: U.D. Santa Mariña 1  Castrelos 0; 2003: U.D. Santa Mariña 3 Bouzas B 0; 2004: U.D. Santa Mariña 2 Alerta Travesas 1; 2013: U.D. Santa Mariña 1 Alerta Travesas 1 (perdeu na quenda de penaltis); 2015: U.D. Santa Mariña 2 Cristo da Victoria 2 (perdeu na quenda de penaltis); e 2018: U.D. Santa Mariña 1 Candeán 2. En canto aos afeccionados estamos entre a Primeira e a Segunda, a Segunda e a Primeira da Liga Rexional.

Ante a presenza do alcalde Manuel Pérez, o presidente da U.D. Santa Mariña, Chato, dicía entre outras cousas o día do Cincuenta Aniversario do club:

"Cincuenta anos son moitos anos, dan moito que andar, son un sen fin de servizos e de sentimentos, nacidos do esforzo desinteresado de todas as persoas que colaboraron a que este club chegara ata aquí, para vestirse de maior. 
A travesía non foi doada, pois a erosión do tempo fixo que a excepción do Bouzas e Casablanca todos os equipos que xogaron aquela primeira Liga co Santa Mariña hoxe non existen.
Cincuenta anos no fútbol modesto son moitos anos, son unha morea de sacrificios. Só chegan ao porto do medio século aqueles que nunca deixaron de remar, e no Santa Mariña, cumpridos cincuenta anos, sempre houbo mans para coller o remo e brazos para remar.
Non estamos aquí para facer campións. A Unión Deportiva Santa Mariña ten que ser unha entidade, onde nenos e mozos teñan un espazo acolledor para facer deporte, e nas nosas posibilidades, axudalos a facerse persoas sociables."

Moitas veces a U.D. Santa Mariña correspondeu con aquelas persoas que defenderon e traballaron para que o club medrase deportivamente e socialmente, polo que Chato nunca dubidou en facer público o recoñecemento a algunhas desas persoas, como foi o caso de Hío, que en setembro do 2009, aproveitando a presentación do libro Memoria dunha andaina deportiva (dispoñible nas oficinas do club), ante varios centos de persoas recibiu unha homenaxe, descubrindo unha placa nas Instalacións Deportivas de Cotogrande, a unha longa traxectoria sen desmaio en pro da U.D. Santa Mariña:  


Outro recoñecemento máis que merecido, foi a homenaxe en xuño do 2013 que se lle tributou a Carlos, acto que tivo lugar en Cotogrande, descubrindo tamén unha placa: 


Aquel proxecto deportivo que agromou ai máis de seis décadas, no eido do fútbol modesto vigués, sigue vixente, mantendo un norte que o levou a ser o club máis emblemático da Cidade Olívica. Por continuidade e traxectoria. A herdanzas recibidas e a planificación dun traballo ben feito, fan que a U.D. Santa Mariña do século XXI, experimente un crecemento constante, que se aprecia nas esplendorosas Instalacións deportivas, que como dixemos máis arriba son unhas das mellores do Concello de Vigo. O que dan cobertura para que a U.D. Santa Mariña sexa todo un referente do fútbol base de Vigo e Galicia, con máis de trescentos xogadores que xogan en vinte equipos e por onde pasaron  xogadores como Rubén Blanco, Iago Aspas ou Brais Méndez, por citar só os últimos.
Historia Historia Reviewed by udstamarina on 15.4.19 Rating: 5