imgText

imgText

imgText

imgText

imgText

Historia

PRIMEIROS ORIXES - CD CABRAL (1942-1947)

Na primavera de 1942, algúns integrantes do Deportivo Penís, Eduardo García "Maletas", Alfredo Novoa (de Barreiro) e Santiago Moreda "Charito", na barbería deste último fundan o Deportivo Cabral. Pouco mais tarde a directiva estará integrada polos anteriores, máis: Manuel Alvarez Rubines "Zapa", Manolo Molares, Antonio Fernández "Ripas", José Iglesias "Gamelas", Ignacio Fernández, e outros.

A primeira equipaxe comprouna Eduardo García e compúñase de pantalón azul e camiseta vermella. Sen federarse, xóganse partidos amigables con equipos de Porriño, Petelos, Tameiga... Adestraban no Meixoeiro e na Ponte. O local estaba no "Bar Molares", nun reservado, onde ademais facíanse faladoiros e tamén algunha actividade cultural de cando en vez.

No ano 1944 (ano aproximado) fedérase o equipo e se comezan a pagar cotas, sendo o encargado da xestión administrativa "O Zapa". O campo oficial era "Barreiro" e algúns dos xogadores eran: Gestoso, García Puertas, Celso García, Pepe Molares, Manolito Chalanero, Felo, Celso dá Rita, Lelo, Peitiños, Santiago Moreda... Segundo testemuños, o Deportivo Cabral chegou a ter un gran equipo que era temido na comarca de Vigo polos seus rivais.


O FIGUEIRAS E O SANTA MARIÑA

No 1947 un grupo de raparigos formado por Manuel Conde Estévez, Jesús Caride Graña, os irmáns Manuel e Emilio Alonso Castro e Humberto Gómez Pardo, despóis dun animado coloquio, crearon un equipo de fútbol o que lle puxeron o nome de FIGUEIRAS.

No alto da igrexa de Cabral, outro grupo integrado por Manuel Caride Posada, Fernando Gallego Martínez e Pablo Cabaleiro, reuníronse cos anteriormente mencionados para tratar de facer un equipo máis forte, pero non se poñían de acordo co nome. Finalmente triunfou a opinión destes últimos e acordaron poñerlle o nome de Santa Mariña (Patroa da Parroquia de Cabral).  Polo que Pablo Cabaleiro, dada a súa proximidade co crego, foi o escollido para falar co abade Ángel Rueda Trigo para que dera o seu plácet ó nome do novo equipo da parroquia.


FUNDACIÓN

No mesmo ano, 1947, a directiva do C.D. Cabral a consecuencia da represión política, tivo que deixar o club desaparecendo este como entidade.

Foto do Club Deportivo Cabral.

Arriba: Molares, Ferro, Celso Veiga, Soto, Lelo, Piño Soto, e Mateo;


Abaixo: Santiago Moreda, Celso, Chocas, Benigno Mariño e Manolito "Chalanero".





A raíz disto, reuníronse todos os grupos deportivos de Cabral e acordaron rescatalo, dándolle o nome definitivo de Unión Deportiva Santa Mariña de Cabral, facendo as xestións ante a Federación Galega de Fútbol para comunicarlles que se facían cargo do C.D. Cabral, pero co novo nome. E será na tempada 1948-1949, cando a U.D. Santa Mariña figure por primeira vez como club adscrito á Federación, sendo a súa primeria directiva a seguinte:


PRESIDENTE: Manuel Caride Posada
VICEPRESIDENTE: Fernando Gallego Martínez
SECRETARIO: Humberto Gómez Pardo
TESOUREIRO: Manuel Conde Estévez
CONTADOR: Pablo Cabaleiro
VOGAL: Jesús Caride Graña
VOGAL: Manuel Alvarez Rubines

O labor desta Xunta Directiva neses primeiros tempos foi moi traballosa, polo que tivo que reforzarse. Entraron a formar parte Saturno Rodríguez Branco e Santiago Moreda Rodríguez. Isto puxo máis dinamismo nas fichaxes de xogadores, lográndose bos reforzos como o de Serodio, Parada, Peroldes, Juanito, Vázquez, Miguel e Moreno; así como o adestrador Madero, un técnico de calidade e excelente persoa.

O sinal de identidade do club será deseñada polo crego Jesús Hemida Villar, un bo colaborador da entidade, incluído o económico. O veciño da Rinxela (Cabral), terá en conta á hora de debuxar o escudo o carácter  agrario de Cabral e o plasmará no escudo en forma de corazón. Na banda dereita ponlle un millo en achegamento a unha veciñanza campesiña e na outra banda un balón, obxecto imprescindible para xogar ó fútbol (máis info: <<click aquí>>).

Empezouse o campionato cuns resultados esperanzadores, acadando o primeiro posto na primeira volta, despois dunha forte disputa co Areas de Coia. Estes foron os rivais deportivos da U.D. Santa Mariña: Areas de Coia (campión da Liga), Bouzas, Calvario, Casablanca, Gran Vía, Seixo e Silva. Unha mágoa non poder ofrecer a primeira clasificación da Liga, pois todo o traballo de investigación por conseguila, que foi moito, non deu froito.

Na seguinte tempada ninguén se quería facer cargo do equipo, despois da dimisión de D. Manuel Caride Posada e a súa xunta directiva. Finalmente ocupou a presidencia D. Pedro Mariño Caride, pero tamén dimitiría ao pouco tempo pasando a ocupar o cargo Juan Mariño Molares.

A primeira medida que tomou esta nova xunta directiva foi reforzar o equipo, alcanzando na liga un meritorio oitavo posto.

Non podemos deixar de resaltar a consecución esa mesma tempada do primeiro título oficial do club a tan só dous anos da súa fundación. Nunha final contra o Silva, na que Celso Amigo consegue o único gol do partido, logrando así a U.D. Santa Mariña ser campión da Copa Consolación de 1950.

Tras finalizar a tempada dimite a Xunta Directiva presidida por Mariño Molares, facéndose cargo da directiva como novo Presidente o entusiasta seguidor Albino Martínez Peixoto, máis coñecido como "Chicho".

Comeza o seu mandato nunhas condicións un pouco precarias, pero salvou todos os escollos presentados e logrou sacar ao club dunha situación difícil ata que na seguinte tempada (1950-1951), "Chicho" e a súa Xunta Directiva decide continuar e afrontar o ascenso a primeira división preferente, obxectivo que consegue xunto aos equipos Carracido e Calvario, quedando terceiros do seu grupo (Zona Sur).

Co club xa ascendido a primeira, cara a tempada 1952-1953 decídese formar  unha nova directiva en Asemblea Xeral de Socios. Para iso, a Federación envía un Delegado que baixo a súa presidencia a nova Xunta Directiva queda constituída da seguinte forma.

PRESIDENTE: Saturno Rodríguez Blanco
VICEPRESIDENTE: José Molares Lago
SECRETARIO: Alfonso Mariño Lago
VICE-SECRETARIO: José Augusto Aguiar Lima
TESOUREIRO: Santiago Moreda Rodríguez
CONTADOR: Luis Otero Vázquez
VICE-CONTADOR: Antonio Costas Mosteiro
DELEGADO FEDERATIVO: Humberto Gómez Pardo
VOGAL: José Davila Rodríguez
VOGAL: Eugenio Lago Otero
VOGAL: Jesús Caride Graña
VOGAL: Angel Prego Bastos
VOGAL: Alfonso Rivas Román

Dous acontecementos importantes na historia do club déronse na presidencia de Saturno "Chalanero". Un foi a conquista do campionato de Liga da Primeira División e outro a creación dun equipo xuvenil, que debutará na Copa Vilar. Esta é a primeira pedra dunha gran cimentación que levará no percorrer do tempo a U.D. Santa Mariña a ser un referente do fútbol base.

O final da tempada 1952-1953, a U.D. Santa Mariña gaña a Liga no último partido quedando empatada a puntos co Alondras. Acadando o primeiro posto polo gol average favorable nos enfrontamentos directos entre a U.D. Santa Mariña e o Alondras: 3-1 en Barreiro e 1-1 no campo de Massó (Cangas).

Campión da liga 1952-1953 da primeira División da Serie B.

Arriba: Herrerita, Jorge, Paco Amigo, Campiños, Molares, Nechas;


Abaixo: Pepiño, Jacinto, Caldas, Eugenio Mariño "Nucho" e Barciela.



CONSOLIDACIÓN

Sería moi extenso facer unha crónica de todas as finais que disputou a U.D. Santa Mariña, xa que o seu historial esta repleto delas. Só temos que mirar as vitrinas da sede do club. Pero si que é de obrigado cumprimento mencionar o Trofeo Festas de Santa Mariña, pois ten dous compoñentes significativos para a veciñanza de Cabral. Por unha banda, a ledicia de gañar unha final e por outra, gañar o trofeo das festas da Patroa da parroquia. Gañouse por primeira vez o devandito trofeo en 1955 en disputa co Rianxo, Suevia e Bos Aires.

Na 1955-1956 destaca a excepcional tempada do equipo xuvenil: campión de Liga (Zona Sur) e sub-campión galego, perdendo a final co Oza da Coruña. Este sub-campionato deulle dereito a xogar o Campionato de España en Xixón.


Equipo xuvenil da tempada 1955-1956.

Arriba: Mosquera, Valera, Biosca, Valenciano, Durán, Acuña;


Abaixo: Ben, Carrera, Morano, Hío e Sabuz.



No 1957, a U.D. Santa Mariña chega por primeira vez á final da Copa Vigo, enfrontándose no campo da Florida ó Sárdoma, nun partido que termina 2-2 tras dúas prorrogas de 10 minutos. Como era no pasado, para desempatar xogábase outro partido días mais tarde como así ocurría 7 días despois. Neste partido a U.D. Santa Mariña gañaba por 2-0 nunha primeira parte na que tamén o árbitro anulou un gol por un dubidoso fora de xogo que supuña o 3-0. Na segunda parte a mala sorte cébase co equipo de Cabral, xa que se lesionan 2 xogadores e daquela só se podía substituir o porteiro, polo que con tal inferioridade a final termina 2-4 levandose o Sárdoma o título.

Nese mesmo ano a U.D. Santa Mariña gaña o Torneo Relámpago, un campionato que se xogaba en partidos de dúas partes de 15 minutos, onde participaban todos os clubs de Vigo.

Na tempada 1957-1958 a U.D. Santa Mariña volve a proclamarse campioa da Liga de Primeira división (Serie B), superando nun punto ao equipo do Vulcano. Cabe destacar que este equipo da U.D. Santa Mariña formábano case todos xogadores que subiran do equipo xuvenil.

A finais dos cincuenta e principios dos sesenta había na parroquia de Cabral tres equipos de categoría infantil: San Fernando, que naceu no Alto da Igrexa da man de Fernando Gallego; Deportivo  Lagares, na rúa do Sello (hoxe Manuel Álvarez), adscrito a Agrupación de Clubs Infantís e impulsado polo carismático Modesto González e o Santa Mariña Infantil, que tan só terá un ano de vida, xa que a tenda de Calzados Gatichaves se fará con esta sección deportiva.
Historia Historia Reviewed by udstamarina on 15.4.19 Rating: 5