imgText

imgText

imgText

imgText

imgText

Historia

O LOGRO MÁIS GRANDE DA HISTORIA DO CLUB

Despois de sete anos no club, Carlos Fernández Trigo, en 1973 dá por rematada a súa esplendorosa etapa, e presenta con carácter irrevogable a súa dimisión. A U.D. Santa Mariña pasa a ser dirixida durante tres meses por unha xunta xestora que presidirá Albino Vázquez.

A segunda etapa de Humberto na U.D. Santa Mariña levará ó logro máis grande da historia do club. Pero antes de chegar a esa data hai que dicir que o equipo acada tres finais da Copa Vigo: Silva 1975 (2-1), Silva 1976 (1-0) e Teis 1981 (2-0).

Despois dunha forte loita co Rápido de Bouzas e Deportivo Silva, a U.D. Santa Mariña  volve a gañar a Liga da Primeira División da tempada 1977-1978. E esa mesma tempada gaña tamén o Trofeo Festas de Vigo 1878 ante o Salvaterra.

O DÍA MÁIS TRISTE

O día máis triste da historia da U.D. Santa Mariña ten como data negra o 10 de abril de 1979, cando o autobús escolar que regresaba a Vigo despois dunha excursión de Semana Santa caia ás frías e turbulentas augas do río Órbigo o seu paso por Santa Cristina de la Polvorosa (Benavente-Zamora).

No autocar sinistrado viaxaban alumnos/as e profesorado do Colexio Vista Alegre de Cabral. Perderon a vida 45 nenos e nenas, dous profesores, unha profesora e o condutor do autobús. Seis dos nenos falecidos eran xogadores da U.D. Santa Mariña. Foi un pau moi duro para a parroquia e para toda a cidade, que os despediu nun multitudinario funeral no estadio de Balaídos, ó que acudiron 30 mil persoas.

No ano 2019 o concello de Vigo para conmemorar o 40 aniversario de tan desgrazada data, instalou unha placa en lembranza dos falecidos na lonxa do concello de Vigo.


Na tempada 1980-1981 a U.D. Santa Mariña volve a gañar a Liga, co importante dato de que máis de media ducia de xogadores aínda tiñan idade xuvenil, o que puña en valor o traballo realizado na base.

Baixo a dirección de Hío e Luís Ferreira, o equipo xuvenil consegue un gran triunfo no ano 1987 ó plantarse na final e gañar ao Comercial de Lugo, conquistando  por primeira vez a Copa Galicia. 

Seis anos despois de que a U.D. Santa Mariña deixase de xogar na Serie B dos modestos de Vigo, na tempada 1987-1988 sube a Primeira Rexional.

INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

Volvendo á década dos setenta, e abordando o logro máis grande da historia da U.D. Santa Mariña, sen cambiar unha coma da escrita recollida no libro Memoria dunha andaina deportiva (dispoñible nas oficinas do club) vamos a recoller textualmente o que dí sobre as instalacións deportivas de Cotogrande:

"Alá polo ano 1972, o equipo do Goberno do Concello de Vigo, que presidía o alcalde, Antonio Ramilo Fernández Areal proxecta obras para a construción dunha Cidade Deportiva que contempla: campo de fútbol, estadio de atletismo, piscinas, pistas de tenis, pistas polideportivas, campo de hípica, velódromo, tiro con arco e instalacións de tiro. As obras ás que se refire o proxecto están situadas no denominado Complexo Deportivo Municipal de Cotogrande.
Pasados cinco anos dan por rematadas as obras de aplanamento dunha extensión de quince mil (15.000) metros cadrados.
A infraestrutura deportiva no Concello é moi escasa e o Santa Mariña sofre esta situación e padece coma o que máis a falla de instalacións deportivas, ao ser un dos clubs con máis seccións deportivas.

A carencia de espazos axeitados onde adestrar fai que os xogadores percorran de arriba a baixo e baixo a arriba a parroquia: hoxe aquí, mañá alá e pasado mañá acolá. E así, tempada tras tempada, os deportistas veñen exercitándose en calquera sitio onde haxa un pequeno chan: no Meixoeiro, onde estaba a antiga Escola de Formación Profesional Acelerada, Actualmente IES Valentín Paz Andrade; na Ponte, onde se construíu o mercado; nas salas de baile La Palmera e Astoria club; no terreo onde se instalou a fábrica de vidro Vanosa, nas Paracháns, pola estrada de Ramón Nieto, pola avenida de Santa Mariña, polo monte… Os adestramentos sempre remataban nas frías augas do río Lagares, ata que na segunda metade dos anos sesenta se habilita un vestiario con duchas nun anexo ao local social.

A directiva do club decátase de que as obras en Cotogrande non se levarán a fin, pois están convencidos de que xa é un proxecto arquivado e comezan unha ardua xestión ante a administración local para acadar os terreos.

Despois de petar en moitas portas, a solicitude do Santa Mariña é atendida, e no outono de 1978, a corporación que dirixe Enma González Bermejo accede en precario á cesión dos terreos, co condicionante de que o club os deixe libres e a disposición do concello cando este necesite a superficie cedida.

A xestión non foi doada, xa que algunha entidade deportiva de fóra da parroquia pretendía os apetitosos terreos.

Unha vez conseguidos os terreos iníciase un durísimo traballo que a directiva do club bota ao lombo, asumindo a tarefa de construír coas súas mans dous campos de fútbol con iluminación e vestiarios, así como facer o acceso ás instalacións.

En xuño de 1983 o Consello de Administración do Centro Deportivo Municipal acorda ratificar ao Santa Mariña o uso prioritario dos campos de fútbol, propiedade do Centro Deportivo.

O estoupido dos foguetes e o son das gaitas anuncian a inauguración das Instalación Deportivas de Cotogrande en agosto de 1983.

Non esquezamos aquelas sufridas persoas, que co seu grandísimo esforzo permitiron que centos de nenos e mozos, repartidos en doce equipos integrados nas seccións de afeccionados, xuvenís, cadetes, infantís, alevíns, benxamíns, prebenxamíns e minibenxamíns se adestren e xoguen nunha das mellores instalacións deportivas do fútbol base vigués. Por non dicir as mellores, exceptuando as do Celta, por suposto.

Os terreos onde o Santa Mariña desenvolve a súa actividade deportiva, así coma todo Cotogrande, pasará á propiedade comunal dos veciños e veciñas de Cabral no ano 1989, en virtude de resolución do Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra.

No percorrer do tempo as instalacións foron mellorando, primeiro coa remodelación do segundo campo. Para de seguido seguir medrando coa inauguración da bancada cuberta e os campos de herba sintética. A remodelación do campo, a construción da bancada e local e parte do peche perimétrico correu a conta da Comunidade de Montes."


Humberto síntese canso despois de tanto anos de traballo no club dos seus amores e expón o desexo de  marcharse. Moitos simpatizantes anímano a seguir e finalmente nunha asemblea, na que se propón novas eleccións ou renovarlle o mandato a Humberto por catro anos máis, gaña esta segunda proposta.

Estar ó fronte dunha entidade deportiva coma é a U.D. Santa Mariña esgota, e dedicarlle tantos e tantos anos como lle dedicou Humberto ó club dos seus amores non hai corpo humano que non acuse o cansazo. Polo que, Humberto, dá por rematada a súa etapa presidencial e convoca unha asemblea para abrir un proceso electoral, ó que se presentan Claudio Cameselle e Francisco Rodríguez, sendo este último o gañador e novo presidente. Hai que dicir que, por primeira vez na historia desta entidade, puxéronse as urnas para elixir presidente.

Durante o mandato de Francisco Rodríguez (1992-1996) leváronse a cabo obras como a reconstrución total do segundo campo e o inicio da bancada.

Outro meritorio traballo deste etapa foi o recoñecemento de todo Cabral ó Presidente de Honor da U.D. Santa Mariña, nunha homenaxe a Humberto, onde participou todo o movemento veciñal de Cabral, á que tamén sumouse o Concello de Vigo, Federación Local de Fútbol e Deportivo Nieto.

Un sábado de agosto de 1993 nas instalacións deportivas de Cotogrande, con gran asistencia de persoas que querían mostrar a súa gratitude e recoñecemento aos moitos anos de traballo de Humberto, foron testemuñas do descubrimento dun pequeno monumento de pedra, preto da entrada, presidindo a chegada de todos os afeccionados e visitantes ás instalacións de Cotogrande.


Francisco Rodríguez remata a lexislatura, e a non haber ningún candidato para presidir o club, Manuel Taibo preside unha xunta xestora durante dous meses, ata que María Jesús Valverde convértese na primeira muller que presida a U.D. Santa Mariña. Durante sete meses unha xunta directiva de maioría de mulleres rachan coas costumes nas que só homes rexentaron os destinos da U.D. Santa Mariña. 
Historia Historia Reviewed by udstamarina on 15.4.19 Rating: 5